Saturday 04 de May de 2024

O alcalde da Pobra pon en valor o programa Erasmus+ en relación co crecemento persoal e educativo da mocidade


O IES da Pobra do Caramiñal atópase novamente inmerso en actividades de intercambio cultural ao abeiro do programa Erasmus+, nesta ocasión, co centro educativo Dvořákovo gymnázium, da cidade checa de Kralupy nad Vltavou. No mes de abril, cambiará a quenda e será o alumnado pobrense quen visite a República Checa.

A colaboración de ámbolos institutos remóntase xa ao pasado ano co proxecto Marea fotográfica, coordinado polas profesoras Elisa Costas e Marga Saborido, no que se traballan os procesos da fotografía dixital co patrimonio industrial como temática a retratar.

A delegación checa, composta por once estudantes e dous profesores, coñecerá durante esta semana a idiosincrasia galega e, particularmente, da localidade, da man de vinte compañeiros/as do centro pobrense.

Por iso, neste 8 de novembro participaron nun itinerario guiado pola técnica do Museo para coñecer máis sobre a historia e patrimonio mariñeiro, facendo unha especial énfase na salgadura. Asistiron tamén a un obradoiro de marisqueo que tivo como punto de partida o Auditorio do Museo Valle-Inclán, onde previamente recibiron a visita do alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e da concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen contaron co acompañamento do director do IES, Alejandro Bobillo, e de representantes do centro de estudos checo, Klára Sikorová e Nicolás Lin. O mandatario local trasladou o desexo de que a estadía sexa do agrado dos/as visitantes, ademais de pór en valor programas educativos desta índole que contribúen ao crecemento persoal da mocidade.

Deseguido, unha das técnicas do Turismo do Concello procedeu a introduci-la xornada de turismo mariñeiro, engadindo á súa explicación a proxección dun vídeo que reflicte a cadea pola cal pasan os recursos marisqueiros ata chegaren aos pratos en forma de saborosas receitas, que se recollen nunha publicación da cal se lle fixo a entrega coas diferentes elaboracións de establecementos hostaleiros do municipio. Tamén se repartiron bolsas con material de promoción do turismo.

Xa na propia praia dos Areos, puideron experimenta-lo oficio das mariscadoras e coñece-los bivalvos presentes no litoral, así como os aparellos que se empregan para a súa extracción.

Nos vindeiros días realizarán numerosas actividades como a práctica do remo ou a visita a Santiago de Compostela.